Antigamente bendicíanse os alimentos na mesa do pobre.
Pobre era o que sabía o que era a FAME.
Antigamente (case) todos sabían…
Só se pode bendicir o á vez indispensable e precario.
Por iso bendicían, con fe e devoción.
Os alimentos tiñan o poder de CONVOCAR,
á familia e á tribo:
precarios fragmentos do mundo,
sementes de soles e choivas,
fíos evanescentes con que prolongar -unha xornada máis-
o traballo das moiras.
Mulleres e homes recollíanse –recollíanse– en acción de grazas pola comida,
único sustento -e por iso sagrado-,
único garante de soños e posibilidades -e por iso divino-.
Así foi -dunha ou outra forma- en todas as épocas, en todos os territorios, en todas as cosmogonías.
Un día, no Ocaso, a acción de grazas converteuse
en metáfora, en rito, en imposición, en dogma, en opresión, en blasfemia.
Un día, deixamos de crer… e a fe converteuse en obxecto de consumo.
Un día, o pan, o viño, o vexetal, a carne… convertéronse en mercadoría.
Un día, a comida mecanizada, triturada, deformada, procesada, industrializada, envasada mercantilizada, deveu vicio, enfermidade, trivialidade, capricho, degradación, vulgaridade, arte, psicopatía, espectáculo, lixo.
Mentres, para outros, nos sures, era escravitude que desposuía de futuro para alimentar o presente dos nortes.
Mentres, para outros era unha graza que concedía, cando estaba de humor, algún deus occidental.
Mentres, para outros, era sobras, desperdicio, resto, refugallos, merda… pola que maldicir aos vivos e aos mortos.
Cando, cando, cando recuperaremos o sentido da perda, do sacrificio, das bendicións do pan noso de cada día?
Cando, cando, cando honraremos -coa palabra e co xesto- a terra que nos nutre,
salvaremos ao animal ao que arrincamos o corazón para devoralo,
ou recoñeceremos -de verdade- en acción de grazas o seu sacrificio -de verdade-
para a nosa subsistencia -e só por e para ela-?
E, sobre todo, cando, cando, cando recuperaremos a sacralidade do alimento que nos dá vida
á conta de si mesmo?
E cando o compartiremos -con equidade-, como primeiro mandamento dunha relixión por chegar…
que se xestou no principio dos tempos?