Teño aprendido a desaprenderme,
a deixarme nun recuncho do camiño,
a abandonarme sen nostalxias
nin remordementos.
Deixei a miña pel repousar sobre os seus ósos,
mentres envellecía -plácida ou sufrinte-
e se engurraba baixo o peso dos días,
convertida en paisaxe de si mesma.
Depositei os soños no estante dos contos infantís
onde aniñan as ilusións dos ilusos.
E, sen embargo, non teño deixado de soñar…
Renunciei á gloria e aos poderes -tamén ás miserias- dun mundo
que non é meu nin de ninguén.
E, sen embargo, non deixei de esperar… sen esperar.
Transitei todos os camiños
para atoparme alí onde se perden,
no fondo do bosque, no máis intricado da espesura.
Alí, no segredo, á fin me espín, desprovisto de min mesmo,
libre tras perderme,
so corazón que alenta
eternamente
a vida que nos leva