Cando me atopo co amigo
en paro, que pide axudas aquí e alá,
que ofrece engurras de pranto e de dor,
sucos de batallas sempre por gañar…
Cando o amigo deixa entrever
as súas penurias cotiás,
a súa soidade de paxaro desalado,
a súa tristura de flor encadeada,
a súa desesperada desesperanza,
a súa morte en vida…
Entón, entón, o amigo axigántase,
alza a súa mirada
máis aló da miña vida e a de todos,
érguese o seu corpo como
memorial da nosa miseria -non da súa-,
dedo acusador,
testemuña dun mar desbordado de cadáveres
putrefactos -os nosos, non os “deles”-.
Entón, eu abátome
e entérrome coas miñas mans,
cadáver enlamado,
vergoña sen remedio,
cascallo desgraciado,
corazón murcho e desvencellado,
ferruxe, corrosión, lixo, vómito…
Ata que por fin o amigo ofrece, gratuíta,
unha mirada luminosa,
unha man salvadora,
un xesto redentor.
Resucita así o voo da flor,
e refresca a nosa pétrea seca,
deserto abrasado por todos os pobres da terra.