Mañá de inverno

Mañá de inverno.
Fai frío.
Conduzo cara ao traballo.
A escuridade comeza a clarear.

É hipnótico o camiñar dos peóns apresurados,
o deslizarse dos coches,
o baile das luces,
o ritmo compasado de cada madrugada.

O frío retarda o aleteo dos paxaros,
alumea lentamente as sombras apagadas dos escaparates,
revela milagrosas harmonías nos repregamentos da paisaxe…

Un penetra nas mañás de inverno
abrazado polo silencio,
perforado pola paz desas soidades
nas que se abisma absorto,
nun abandono plácido,
desentendido de si mesmo,
desposuído das súas miserias cotiás.

Son esas horas temperás
as redentoras das nosas mesquindades,
abrollos agostados e murchos aos que
nos subtraemos -por graza milagrosa- en cada novo amencer.

Texto descargable do poema en .pdf

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *