O suxeito XXX demanda unha renda de inclusión social. Situación persoal: solteiro, desempregado de larga duración, 33 anos, formación profesional básica en carpintería. Pai impedido. Nai enferma. O pai cobra unha pensión non contributiva.
Advírtese ao suxeito de que os seus pais poden mantelo e de que a axuda será denegada. O suxeito alega que toda a pensión paterna gástase en menciñas para a nai e no aluguer da vivenda, que apenas lles chega o diñeiro para garantir a alimentación e as subministracións.
Ofrécese ao suxeito a posibilidade de acceder a un curso de formación con opción de incorporarse a un posto de traballo remunerado. O suxeito négase alegando que ten que atender á súa nai, enferma, e ao pai, impedido.
Resolución da solicitude: rexeitada.
——————————————————————————————
… e así seguimos
ao longo dos días dos meses dos anos dos séculos
aguantando sufrindo padecendo soportando malmorrendo
que cansazo inesgotábel
que dor
que podremia
que crueldade
que noite escura
cando cando cando
poderemos alzar as mans os corazóns as vísceras a rabia
para recoller os froitos putrefactos da Historia da Infamia
e lanzarllos ao rostro dos vitimarios
e reclamar a Terra, a nosa herdanza polos séculos dos séculos
Amén