Aos nenos e nenas, para que se estean quedos, dámoslles videoxogos e televisión en doses masivas.
Cando seguen coa súa hiperactividade, medicámolos.
Ás persoas maiores, para que non se queixen de soidade e abandono, dámoslles tamén en vena doses interminables de programas lixo a diario.
Funcione ou non, tamén as medicamos.
Aos enfermos mentais, medicámolos tamén. E se isto non funciona, encerrámolos.
Ás persoas migrantes, se non teñen papeis (isto é, se non teñen cartos), poñémoslles valos, muros, aramados.
Se os traspasan, encerrámolas… ata devolvelas ao lugar do que escaparon.
Ás que gritan contra un sistema que non funciona, multámolas. Se isto non funciona, encerrámolas tamén.
Así tranquilizámo(los)nos. E vivimos seguros. Todos iguais. Sen diferenzas. Sen discrepancias. Sen estridencias.
E, por se acaso, previndo que nós mesmos poidamos perder a cabeza, tamén nos medicamos. Cada vez máis. Non vaia a ser…
Mentres, as empresas farmacéuticas se fregan as mans.
Mentres, as fábricas de armas se fan de ouro.
Mentres, os políticos que se presentan como garantes da orde y da seguridade, gañan eleccións.
… E, mentres, a ‘cidadanía’ esquece que unha vez existiu unha palabra chamada DIGNIDADE.